Agora que xa sabedes que é Achtung! Cthulhu e cal é a miña opinión
sobre o mesmo, velaquí tedes unha análise (subxectiva) sobre o primeiro produto
de MODIPHIUS, a primeira parte da campaña Zero
Point, Three Kings, escrita por Sarah Newton.
Como xa comentei nunha entrada anterior, a
aventura está dispoñíbel en pdf para Call
of Cthulhu, Realms of Cthulhu e PDQ (Editado: xa está dispoñíbel tamén para Trail of Cthulhu). Só teño a primeira destas, polo que
será da que fale, ata onde eu sei, a historia é idéntica, pero empregar un
sistema ou outro pode dar lugar a sensacións ben diferentes (enlace en inglés).
Ao mercar esta aventura envíannos dous
pdfs, un en cor cun deseño moi atractivo que imita un informe de operacións
militar, cheo de notas coladas con celo ou con axuda de clips e outro sen o
fondo, para imprimir máis de xeito máis barato, pero que aínda conserva os
mapas e as ilustracións de Dim Martin. Non imprimín ningún destes pero no
ordenador semellan moi chulos, agardo que a edición impresa quede polo menos
igual de ben. Podedes baixar unha mostra da versión en cor aquí.
O libriño, de 44 páxinas, está dividido
máis ou menos en dúas metades, a primeira é a propia aventura e a segunda
inclúe todos os extras (PNX, investigadores prexerados, novas regras e axudas
de xogo). Isto significa que a historia é breve, e que se podería xogar
probabelmente nunha sesión de 4-6 horas (aínda non tiven a oportunidade de
dirixila). A aventura está ben sen ser
terribelmente orixinal, semella unha sorte de El desafío de las águilas na que hai Mitos de por medio, cousa que
me encanta1! A historia ten lugar no verán de 1939, antes da
invasión de Polonia, na Checoslovaquia ocupada,. Alí, nun castelo próximo a
Praga os Nazis están a levar a cabo atrocidades descoñecidas para o resto do
mundo...polo que os británicos deciden enviar a un grupo de operacións
especiais (os PU) co obxectivo de contactar coa resistencia checa, incluíndo
aos famosos Tres Reis do título, investigar as devanditas atrocidades e acabar
con elas (se poden). A min non me parece unha historia tremendamente
complicada, e penso que a maioría dos xogadores saberán en todo momento que
facer a continuación, outra cousa é que teñan o valor (ou a potencia de fogo)
para facelo. Sabendo o mortal que pode ser CoC,
e a pesares das limitacións que ten este xogo no combate, penso que pode
funcionar moi ben para unha aventura de infiltración, na que os investigadores
precisan planificar coidadosamente os seus movementos. Ademais da historia
principal, inclúense algunhas ideas para comezos alternativos (encántame o
“University Wars”, sobre as universidades de Praga) e para prolongar a aventura
unha vez se cumpra coa misión. Ambas as dúas precisan de traballo do Gardián,
pero poden facer de Three Kings a
ferramenta perfecta para unir aventuras previas a guerra na Europa central
(aínda que eu non coñezo moitas) e a nova ambientación de Achtung! Cthulhu. A aventura tamén pode funcionar moi ben
como introdución para xogadores que non saben nada dos Mitos, ou para os que
non saben que están metidos nun xogo dos Mitos. Estou desexando convencer a uns
poucos amigos para “probar este novo xogo da Segunda Guerra Mundial” e cando
estean ben metidos no castelo controlado polos Nazis sorprendelos con....de
verdade pensabades que vos ía dicir que hai alí dentro? Outra opción sería
adaptalo para Comandos de Guerra,
seguro que a sorpresa de ver un...en serio? pode ser maiúscula.
A segunda sección comeza presentado a
todos os PNX, principalmente membros da resistencia e ás forzas alemás: o
exército, as SS, e a Gestapo; suficientemente ben explicadas para que non sexa
preciso un libro de Historia. Os malos son bastante típicos, na mellor
tradición pulp estilo Indiana Jones (cousa
que por outra banda penso que está ben para unha aventura introdutoria). Veñen
con información e transfondo dabondo como para que sexa doado para o Gardián
interpretalos e para que os investigadores saiba en todo momento quen os está a
intentar matar.
Como a aventura forma parte dunha campaña,
eu preferiría crear os meus propios investigadores e non empregalos prexerados.
Afortunadamente Three Kings ofrécenos as
dúas posibilidades: no que sae o Investigator’s Guide temos dúas novas
profesión para a intelixencia británica (axente de campo e de despacho) e catro
personaxes prexerados (soldado forte, soldado “manitas”, intelectual, e experta
na resistencia). Estes vannos permitir comezar a xogar de inmediato, garantir
que os xogadores teñen canto menos a posibilidade de superar todos os
obstáculos e ademais teñen un pequeno transfondo bastante interesante, sendo,
en resumo, un moi bo punto de partida.
O seguinte apéndice ofrécenos xuntas todas
as regras que foron aparecendo ao longo do libro: paracaidismo (xa vos dixen
que isto era como El Nido de las Águilas),
gardas, combate con vehículos, novas habilidades e profesións, e tortura e
interrogación (agardo que non teñades que empregar esta última). O libro remata
coa única axuda de xogo da historia, un Informe de Operacións describindo a
misión. A min gustoume moito e agardo que cando fagan a edición impresa da
campaña este apareza como un libriño separado para darllo aos xogadores.
En resumo, un xeito relativamente barato
de introducirse en Achtung! Cthulhu.
Canto menos vaiche garantir a ti e aos teus xogadores unha boa tarde, e logo xa
serás quen de opinar por ti mesm*. Logo de lelo eu quédei coa impresión de que
“está ben, pero non sei se é realmente o meu”. Porén, foi dabondo para que me
decidira a mercar Heroes of the Sea. E este confirmoume que ía seguir lendo (sobre)
Achtung! Cthulhu durante os próximos
anos.
1 Calquera película de Clint
Eastwood é boa, calquera2.
2 Calquera película e en calquera das linguas
que comprendo.
MODIPHIUS
$9.99 (pdf) Hai varios descontos para
aqueles que pensen en mercar as dúas historias ou a mesma para varios sistemas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario