miércoles, 15 de mayo de 2013

Apuntamentos sobre: Cthulhu by Gaslight


Mércao xa! E non teño  máis que dicir. Non, de verdade, se só pensas gastar 30 euros este ano en libros de Chaosium, creo que deberían de ser neste libro (aínda que o House of R’lyeh semella moi interesante…). Veña, poñámonos serios e vexamos porque penso que este libro é tan boa.

Primeiro de todo deberiades de saber un par de cousas sobre min. Encántame a Inglaterra Vitoriana, penso que foi un período fascinante da historia, o meu libro de Historia favorito é Dreadnought, de Robert K. Maisse (vale que tampouco lin tantos) e Sherlock Colmes é o heroe da miña infancia. Se a iso sumámoslle que nunca se editou este libro en castelán (aínda que Factoría publicou no seu día o Oscuros Designios, cousa que non entendo moi ben) podedes entender porque estaba tan emocionado o día que vin que Chaosium ía reeditar este libro.

Como non teño ningunha das dúas edicións anteriores, non podo comparalas con esta nova, pero polo que teño lido reescribiron o suficiente como para ser atractivo para alguén que xa ten algunha das edicións vellas. Visualmente creo que é un libro moi bo, (outra vez, tedes unha boa colección de fotos en Aventuras en la Marca del Este), probando que é posible publicar un bo libro en branco e negro nestes tempos que semella que todo debe de ir en cor (outra cuestión é ser por 30 euros o libro debería de ir en cor). As ilustracións son normalmente moi boas, con independencia de se copian o estilo da época ou non, as marcas de auga son atractivas pero non impiden a lectura do texto que estar por riba delas e os títulos están presentados de xeito moi atractivo (nada que ver cos de Atomic-Age Cthulhu). Pero se quixeramos só un libro bonito mercariamos outra cousa así que, que ten Chtulhu by Gaslight?

A Parte I: Personaxes Vitorianos (23 páxinas) ensínanos como crear investigadores da época. Inclúe profesións, habilidades, armas e outros tipos de equipamento, así como un vocabulario propio das falas da época. Tamén inclúe unha lista de trazos que lle podemos dar aos nosos investigadores para darlles algo máis de sabor, pero para min o mellor desta sección e como afecta a clase social á interacción entre PX e PNX, polo que pensádeo dúas veces antes de facervos un sindicalista marxista ;)

A Parte II: El mundo vitoriano (48 páxinas) inunda ao lector con moita información interesante é útil sobre a Inglaterra da década de 1890: O imperio, o exército, Londres...A min gustáronme especialmente as pequenas biografías de personaxes da época, como Conan Doyle, Chamberlain, ou Wilde; pero tamén hai seccións sobre o transporte, os medios de comunicación, o crime, o goberno británico (moi útil para os que non somos de por alí), clubs (de cabaleiros [e de damas]) . É una sección excelente, unha auténtica “Breve guía para a vida victoriana” que lles vai permitir tanto a xogadores como a Gardiáns levar aventuras con claro ambiente vitoriano sen ter que pasar horas procurando información.

A Parte III: A Gran Bretaña Oculta (36 páxinas) comeza explicando varais das organizacións ocultistas da época: A Sociedade Teosófica, os Masóns, O Amencer Dourado, os Espiritualistas, e a Sociedade para a Investigación, Psíquica. Logo de ler isto un queda coa idea que o ocultismo non estaba para nada oculto na época (perdoade polo mal xogo de palabras) e se querías ser alguén, tiñas que ser membro dunha destas sociedades (moitas dos personaxes que aparecen no capítulo anterior foron membros dunha ou outra organización). Sempre se poden empregar estas sociedades como fontes de información, o como un grupo de apoio en caso de que os investigadores pertenzan a elas. A sección continúa con unha guía de lugares encantados ou malditos das Illas Británicas, pero as descricións son ao meu ver moi breves como para podelas empregar de contado, claro que son do grupo dos Gardiáns vagos. Hai tamén unhas poucas páxinas sobre as entidades dos mitos que habitan na Gran Bretaña, un compendio de PNX xenéricos e algunhas ideas sobre como levar unha aventura na época vitoriana. Para min unha das mellores partes deste capítulo, ademais do das sociedades ocultistas que xa mencionei, son biografías de personaxes ficticios da época, de Sherlock Holmes aos marcianos de A Guerra dos Mundos. Seguro que non lle gusta a todo o mundo, xa que pode acabar facendo partidas moi pulp (pódese dicir pulp para falar da era vitoriana?) pero tamén pode dar lugar a historias fascinantes na liña de League of Extraordinary Gentlemen.

La Parte IV: Aventuras baixo luz del gas (49 páxinas) ofrécenos dous escenarios: The Night of the Jackals (A Noite dos Chacais) e The Burnt Man (O queimado). Para min os dous son moi bos, tendo lugar en dous ambientes tipicamente vitorianos moi distintos. Sen afondar moito nelas (por aquilo dos spoilers),  a primeira é a típica investigación no bretemoso Londres, con veteranos da campaña de Sudán que non foron tan honorábeis como deberían, mentres que a segunda ten lugar nun pazo en Dartmoor (a mesma área remota na que ten lugar O can dos Baskerville), maldición incluída.

O libro remata con un apéndice moi interesante con películas e libros recomendados, entre os que se inclúe un pouco de todo: ficción e non ficción, mitos e non mitos, literatura da época e cousas modernas...Pecha esta sección as indispensábeis axudas de xogo para as dúas aventuras.

En resumo, un suplemento excelente que non debería de faltar nin no máis pequeno dos estantes de La Llamada de Cthulhu. Estou seguro de que non hai que ter este libro para poder levar unha boa aventura vitoriana, pero tamén penso que aínda que non penses en dirixir unha aventura así nun futuro próximo, é unha boa lectura. Penso que de momento non é dos que máis sona para que sexa editado en castelán, pero eu recomendaríallo a Edge encarecidamente ( e si, son dos que tamén quere Tatters of the King…).

Chaosium
$28.95 (capa branda)/ $18.12 pdf  

No hay comentarios:

Publicar un comentario